miércoles, 31 de octubre de 2012





VIACRUCIS DO SANTUARIO DAS ERMITAS.
O Bolo

                                        UN CAMIÑO DE ESPERANZA
 
 
                                                                                     Xesús Antonio Gulías Lamas
 
 
 
 

   Podemos considerar o Santuario das  Ermitas e todo o seu entorno, (Santuario, pobo e subida ó Deserto) como un Sacromonte, unha Vía Sacra ou unha Nova Xerusalén.

   A función dos Viacrucis nos Sacromontes, realizados sobre unha vía sagrada, ateigada de capelas, como acontece aquí nas Ermitas e tamén  nalgúns santuarios de Portugal, como o da vila de Gimaraes, é a de elevar a espiritualidade dos peregrinos, evocando a Paixón de Cristo, dende que celebrou no Cenáculo a  Pascua cos discípulos e dende alí, foi a orar ó Monte das Oliveiras para poñerse en contacto co Pai, pasando despois polo prendemento, a visita ás casas dos sumos sacerdotes e de Pilato, onde foi azoutado e escarnecido, para partir, cunha coroa de espiñas na cabeza e a cruz a costas, camiño do Calvario, para ser crucificado e posteriormente enterrado, para resucitar ó terceiro día.


   Os elementos artísticos e simbólicos que forman o conxunto das Ermitas e moito máis pobre, non só no contido, (grupos de imaxes) senón tamén no continente (capelas), cos de Braga, nos que están inspirados, pois tanto as capelas de Braga como as imaxes, que lle serviron de modelo, son máis grandiosas cas das Ermitas, pero non por iso estas, representan peor que aquelas, a simboloxía que reproducen nin a finalidade para o que foron realizadas.

   Parece ser, que a orixe deste acto piadoso, como son o rezo e a meditación do viacrucis, arrancan, segundo escribe Gil Atrio, co dominico español, Álvaro de Córdoba, coñecido polas reformas que impulsou na súa orde a comezos do século XV.(1)  Di a tradición, que este dominico viaxou, primeiro a Italia e despois a Xerusalén, e cando regresou, comprou co apoio real, a Torre Berlanga cun gran terreo que a circundaba, situado a uns seis quilómetros da cidade de Córdoba. Este lugar, tiña moitas semellanzas coa paisaxe de Xerusalén e unha orografía moi parecida ó lugar onde Cristo sufriu a Paixón, dándolle ó novo convento o nome de “Scala Caeli”.  Alí estableceu frei Álvaro, a “Horta de Xersemaní” , o “Torrente Cedrón” e un “Viacrucis”.

   É posible, que tamén o nome de “Scala Caeli” o copiara frei Álvaro do convento do mesmo nome que había en Italia e que el mesmo visitou, como xa se dixo, antes de viaxar a Xerusalén. Pero tanto o nome do italiano como  o nome do cordobés, estaban fundamentados no libro do Xénese, na pasaxe que narra o sono de Xacob, (Xen. 28: 10-22) que moitos místicos consideran unha profecía do que coa chegada do Fillo do Home, acontecería no Calvario, onde Cristo, coa súa morte e Resurrección, establecería dunha vez para sempre, unha escaleira para levar o home directamente a Deus.

   Primeiro foron os freires e despois os fieis os que podían evocar neste lugar a Paixón de Cristo. Foi como deste xeito, se converteu, a Torre Berlanga e o seu entorno, nun importante lugar de peregrinación, motivo polo que os relixiosos, solicitaron en 1442, a concesión de indulxencias para os peregrinos (2)

    A partir da “Scala Caeli”, fóronse levantando, anos máis tarde, tanto en España como en Portugal, un importante número de Viacrucis con capelas, onde se mostraba, por medio de grupos de imaxes, os diversos pasos da Paixón de Cristo. En Galicia, ademais do das Ermitas, que é ó que nos estamos a referir neste traballo, hai que mencionar tamén, o do Monte Medo, situado arredor do Santuario dos Milagres, no concello ourensán de Baños de Molgas, aínda que este derradeiro, so conta con sete estacións.



 
I Estación

   En Portugal, como veremos máis adiante con maior detalle, foi o do Bom Jesus de Braga, tanto pola súa situación, como polas calidades das tallas e das capelas, o que parece que serviu de modelo para todos os demais da península Ibérica, ou polo menos, para os do noroeste.

   O Bom Jesus de Braga, ten as súas orixes no século XIV, cando se ergueu no monte Espiño, unha capela para venerar a Santa Cruz. Esta ermida, foi ampliada en varias ocasións, pero non foi ata o século XVII, cando se empezaron a facer os primeiros “passos da Paisâo” que foron completamente subtituídos, a partires de 1723, nos tempos do bispo Moura Tales, polas actuais capelas e tallas.

   Do viacrucis do Santuario das Ermitas, di Ferro Couselo que “pola calidade das tallas, de tamaño natural, colócase á altura dos mellores do mundo: Milán ou Braga”. (3)

   Non todos os autores están de acordo coa apreciación que destas obras fai Ferro Couselo. Así, Dolores Vila Jato opina que “as esculturas no seu conxunto están gobernadas por un canon excesivamente curto, desatendendo ás proporcións, xa que destacan as cabezas e as mans, por seren de gran tamaño. As figuras, nas diversas escenas nas que debera haber algún tipo de movemento, en moitos casos son incongruentes, xa que por exemplo, no caso dos apóstolos, non se sabe se están sentados, ou de pé. Igualmente a do Cireneo, ou a dos personaxes que están cravando a Cristo na cruz. Todo isto parece que denota unha obra que está entre a falta de modelo e a de coñecementos de anatomía. Os corpos son inertes, excesivamente ríxidos, semellantes ás veces a monecos grotescos, nos que os rostros se escudan detrás das barbas e dos bigotes e complétanse con toques de pintura. O pelo é case sempre rizado en bucles xeométricos e as barbas, partidas en pinza. Os pregues das roupas, parece que buscan un xogo de luces que dinamice as teas”. (4) 





I Etación

   As obras deste viacrucis foron iniciadas, polo Administrador do Santuario das Ermitas Don Domingo Xosé  Rodríguez Blanco(5) no ano 1730 (6), aínda que hai autores, coma Cid Rumbao, que apunta que estas obras deron comezo no ano 1929, sendo bispo de Astorga, Monseñor Xosé Bermúdez y Mandía. Pola súa parte, Bonent Correa afirma que Rodríguez Blanco  fixo a viaxe a Braga “para tomar, pues las medidas”  y “haviéndolas visto, registrado y admirado se bolbió al Santuario; y en el año setecientos y treinta y uno dió principio al suyo”. (6a) Foran os inicios uns anos antes ou despois, o que si parece probado é que o referido administrador ideou este viacrucis a imitación do que mandara facer San Carlos Borromeo no seu arcebispado de Milán, pero sobre todo o que mandara levantar O Ilmo. Señor D. Rodrigo de Moura e Telles, arcebispo de Braga, no monte do Bom Jesús, a unha legua desa cidade portuguesa, no ano 1723. (7)  Este viacrucis portugués do Bom Jesús, componse  dunha ermida por cada estación coas efixies no interior onde se  representa cada un dos pasos de Cristo dende a Derradeira Cea, pasando por todas as estacións tradicionais e outras menos comúns como son a do  encontro coa Madalena ou a do Camiño de Emaús, para rematar coa Ascensión de Cristo ós ceos. Temos que sinalar que a subida ó viacrucis do Bom Jesús de Braga nos inicios das estacións fanse mediante escaleiras, ás que seguen un camiño empedrado,  e en moitos casos, están á par, ou unha enfronte doutra, polo que as medidas das distancias, non se corresponden coa realidade de Xerusalén.

 
Cruceiro das Ermitas


   Unha vez rematadas as obras do Santuario das Ermitas, D. Domingos Xosé Rodríguez Blanco, comezou a construción do viacrucis, que vai dende o adro da igrexa ata o lugar coñecido como o “chan da Resurrección”, que está no alto do monte. As proporcións das distancias, tanto do viacrucis de Xerusalén, como do de Braga, -que tampouco ten as mesmas co de Xerusalén-, do que Blanco parece que tomou as medidas, coido que deixan bastante que desexar, xa que as catro primeiras estacións, que están dentro do adro do Santuario, nada teñen que ver coas distancias  reais que hai entre os catro lugares nos que aconteceron eses feitos. Algo semellante sucede tamén entre a quinta e a sesta, onde a distancia que hai  entre ambas capelas, non chega ós vinte metros. A medida que o viacrucis vai ascendendo, as distancias parece que se achegan máis á realidade e así podemos ver a modo de exemplo, que entre a VII e a VIII a distancia que as separa, é de 72 metros, e a que hai entre a VIII e a IX, neste caso, a distancia ascende a 108 metros.
 
IV Estación


   O viacrucis das Ermitas conta coas catorce estacións clásicas e, como algo innovador, posiblemente, imitando ó de Braga, engade a da Resurrección.  Estas empezan, como acabamos de sinalar, no adro da igrexa do Santuario, onde están situadas as catro primeiras: dúas, nos ocos dos arcos que hai na parte interior da Casa-Administración e as outras dúas –contra o río- nas capelas circulares que están nos ángulos exteriores do adro. A quinta estación está ó comezo do camiño de Castela que vai ata a cima do monte que aquí se lle chama o Deserto. Por este camiño están colocadas todas as demais estacións ata chagar ó máis alto, onde está a última que, como xa dixemos, é a da Resurrección de Cristo.

V Estación

   Todas as estacións, excepto a primeira e a cuarta, como acabamos de dicir, que están no primeiro e no último arco da Casa-Administración do Santuario, as demais componse de capelas individuais. A segunda e a terceira, tamén están dentro do recinto do adro, xustamente nos ángulos exteriores. Trátase de dúas construcións circulares con bóveda semiesférica e unha ampla fiestra con reixas, que permite ver dende o exterior as figuras que se representan. O ápice da segunda estación vai coroado cunha escultura que representa a unha nai con dous nenos nos brazos e un no chan, agarrándolle o vestido; o da terceira remata nun pendón con bóla. As demais estacións están situadas á beira esquerda do camiño que sobe ó Deserto e están formadas por capelas de planta cadrada con cuberta de bóveda de canón e realizadas en granito concertado. Na fachada de cada unha ábrese unha gran fiestra enreixada por onde se pode ver o grupo de esculturas de tamaño medio que hai no seu interior. As esculturas están labradas de xeito artesanal, onde se representan as diversas escenas da Paixón de Cristo, dende que foi condenado no Pretorio ata a Resurrección de Cristo que está edificada sobre o muro oriental do cemiterio. Na actualidade, a única capela que non conserva no interior ningunha imaxe é a quinta, que corresponde, a do Cirineo, axudando a Cristo. Esta capela, totalmente exenta, está á beira das escaleiras que dan acceso á reitoral. Leva sobre o centro do pincho un escudo bispal con canal ó voo e sobre o ápice, unha cruz simple. As demais capelas, a excepción da que representa a Resurrección, non teñen pináculo. As capelas correspondentes á VII, VIII e X estación levan sobre a cuberta unha edificación de albanelería, con fiestra ó exterior, que forma parte da casa habitación que está a beira.


X Estación
   Inicialmente o número de figuras era de 59. Posteriormente foron aumentadas ata 62 e na actualidade consérvanse 56. As figuras son de estilo moi popular, sinxelo e expresivo e están talladas en madeira de castiñeiro enxertado. Esta obra tardou en construírse 30 anos, e o administrador Rodríguez Blanco so viu rematadas as nove primeiras estacións, pero sen cubrir, enreixar e decorar, completando o resto dos viacrucis o seguinte administrador. O seu importe foi de 17.970 reais de vellón (8) , dos que pagou, 4.000 reais, do seu propio peto.
 
II Estación 

 A primeiro etapa da construción abarca dende 1730-31 ata 1747, data na que morreu o administrador Rodríguez Blanco, e só estaban rematadas, como xa se dixo, 9 estacións. Dous anos máis tarde, foi nomeado Administrador D. Jerónimo Ochoa y Salazar, que emprendeu a construción dos viacrucis que faltaban e finalizou as obras no ano 1760. Parece ser que a razón de tanta tardanza das obras son consecuencia dos ruíns anos económicos que dende 1736 ata 1756 afectaron ós ingresos do Santuario. Os mellores ingresos que tiña as Ermitas procedían sobre todo das esmolas que viñan dos Portos e da Limia, onde chegaban a recadar 10.000 reais de vellón por ano pero, durante esas dúas décadas, apenas chegaban a recadar 2 ou 3000 reais de vellón por ano. O mesmo pasaba cos censos e rendas que se cobraban tarde e moitas delas era imposible cobralas por falta de liquidez dos arrendatarios. (9)

   As esculturas  foron pintadas no os ano 1820 e  no ano 1840, os pasos. No ano 1985 volveuse a pintar todo o conxunto. Nesta ocasión tamén se realizaron restauracións parciais, xa que moitas figuras estaban moi deterioradas. No ano 1909 houbo un desprendemento de terra que afectou ó Santuario e desfixo a V estación que foi de novo reconstruída.

   Durante o longo tempo que levou a construción do Viacrucis, houbo nas Ermitas un taller de escultores artesanais, de xeito permanente polo que se crearon figuras populares, sinxelas e expresivas pero de escaso valor escultórico, moi lonxe das grandes tallas que por eses anos se facían para as igrexas galegas. As diferenzas que hai entres as esculturas das Ermitas e as do Bom Jesús, son que as portuguesas, foron talladas por escultores habituados á creación de grupos, con madeira ben tratada e por mestres de modelado, mentres que as das Ermitas, son “graciosas”, “expresivas” ou “efectistas”, pero tecnicamente, están moi lonxe das que por eses anos se facían por todo o sur de Galicia, xa que algunhas figuras, rozan a caricatura á hora de presentar os personaxes malos, como son os xudeus, pois xa o di o dito popular da bisbarra: “é máis feo cos xudeus das Ermitas”.  Outro exemplo de fealdade  é a figura do mal ladrón que nun xesto burlesco, está botando a lingua fóra. (10)



VII Estación

   É de supoñer que neste taller das Ermitas existía un mestre tallista, un pouco máis dotado co resto do persoal, sen deixar de ser moi pouco hábil. Aínda así, as tallas de maior valor artístico, atribúenselle a el. Unha vez rematadas as esculturas eran colocadas no interior das capelas correspondentes, illándoas dos axentes exteriores por medio de reixas e vidros, se ben, amparan os monumentos que se gardan no interior, impiden dende o exterior, unha visión satisfactoria dos mesmos, sobre todo a distancia, polo que sería desexable dotar ás capelas con algún tipo de iluminación interna. (11)

   Na Idade Media, por estar os Santos Lugares moitas veces ocupados polos musulmáns, deu lugar ó que Santiago Sebastián, chama “unha peregrinación de substitución”. (12) Deste xeito, moitas montañas e outeiros empezaron a ser utilizados como lugares sagrados e de culto para ás estacións que rememoraban a Paixón de Cristo. Estas recibiron o maior impulso coa Contrarreforma que invitaba ós católicos a manifestar a súa fe mediante actos litúrxicos moi expresivos.

   Os primeiros “sacromontes” aparecen en Italia, concretamente no arcebispado de Milán, onde o seu Arcebispo, San Carlos Borromeo, impulsou a creación destes teatros vivos para que os crentes puideran expresar a súa fe. Outros sacromontes destacados son os de Varalho e Varese, que xa fixaban catorce estacións, seguindo as descricións dun relixioso que peregrinara a Xerusalén.

   Para a celebración dos diversos pasos edificáronse capelas nas que se colocaban monumentos que representaban as diversas escenas da Paixón de Cristo. Segundo Muñoz Jiménez, en Portugal, a difusión, débese entre outros, a Orde Carmelita que montaron nos seus “Desertos”, poboados de cruces, verdadeiros “sacromontes” coma os dos mosteiros de Tomar ou Busaco.



 
XII Estación


 
Vía Dolorosa, Camiño do Deserto

XIII Estación
 

   O modelo máis importante, como xa dixemos anteriormente, está no viacrucis do Bom Jesús do Monte, na cidade de Braga. Este lugar xa era motivo de peregrinación a principio do século XIV, pero non sería ata as primeiras décadas do século XVIII, cando se planifique un conxunto urbanístico sagrado, dedicado á Paixón de Cristo, nesta montaña. Para este fin, fixeron diversas capelas que albergaran os diversos “pasos”, ou escenas. A obra prolongouse durante todo o século XVIII. No ano 1784, foi reedificada a igrexa e no século XIX, fíxose a escalinata, chamada das Virtudes Teologais e substituíronse seis das oito capelas do Viacrucis. Foi este Viacrucis de Braga o que serviu de modelo, como xa indicamos, para o das Ermitas. Pero hai entre os dous, dúas diferenzas importantes:
   1º. O viacrucis de Braga está enclavado nun espazo sagrado, ideado e materializado con gran perfección, convertendo a montaña nunha alegoría do camiño da Salvación, pero tamén coma un proxecto artístico para a Xerusalén Restaurada, onde o arte se pon ó servizo da fe. Pola contra, o viacrucis das Ermitas, desenvólvese nun nivel popular e artesanal. A montaña conserva o seu enxebrismo natural e agreste, sendo o “deserto” o lugar polo que os peregrinos deben andar para pasar por cada unhas das estacións, que máis que creacións artísticas, son representacións artesanais, nas que os penitentes son capaces de apreciar a linguaxe expresiva que fala dos diversos pasaxes da Paixón de Cristo.
   2º. No viacrucis de o Bom Jesús, os pasos son distintas etapas que conducen a Cristo, manifestado na igrexa que coroa o final do Sacromonte como a Nova Xerusalén Celeste. Pola contra, nas Ermitas, a igrexa é o punto de partida e remata nunha capela do monte coma lugar da resurreción de Cristo, O peregrino venera antes á Virxe no seu santuario e implora a súa mediación. Unha vez conseguida a protección da Virxe, o peregrino está preparado para afrontar o duro ascenso á Paixón.


 
VI Estación



 
 Fachada do Santuario de Nosa Señora das Ermitas

   Resumindo, podemos concluír, que as Ermitas e a súa fantástica paisaxe, é sen xénero de dúbidas, a que máis se asemella a idea que temos os cristiáns, que nunca peregrinamos a Xerusalén, a ese lugar, escollido por Deus, para iniciar o seu plan de salvación.

   Podemos considerar o Santuario como o lugar onde Cristo pasou a tarde do xoves e parte da amañecida para o venres, que foron o Cenáculo e o Horto das Oliveiras, xa que o Santuario, e concretamente o altar, é o lugar onde Cristo se fai presente por medio da Eucaristía para converterse de seguido, tamén, en lugar de recollemento e de oración, diante da imaxe de María, corredentora con Cristo no proceso de Salvación. Por iso, despois de celebrar a Eucaristía e de orar diante da Virxe, para que interceda ante o Pai, -que foi o mesmo que fixo Cristo, antes de emprender ese duro camiño que o levaría ata o Gólgota-, o peregrino sae, partindo da  estación que recorda o Pretorio, para percorrer dentro do adro, os primeiros acontecementos da Paixón.


 
XIV Estación

   Despois, xa no casco urbano, coma se da Nova Xerusalén Restaurada se tratara, os peregrinos e fieis van recorrendo e meditando nas diversas pasaxes de Cristo ata chegar as catro derradeiras estacións, situadas cerca da cume. A XII e a XIII, aínda que teoricamente estarían no mesmo lugar, aquí distáncianse para que os fieis poidan meditar, mentres fan o camiño. Foron as horas do suplicio; as horas das sete palabras, onde Cristo, cravado na cruz, fai o seu derradeiro testamento, e coma ser humano, espera a morte, que chega con toda a súa crueldade e dureza, pero ó mesmo tempo, co perdón ós verdugos e coa doazón de si mesmo.



XV Estación

   Finalmente o Sepulcro e a Resurrección. Para os artífices deste viacrucis, a cúspide, non está na morte. O punto álxido está na Resurrección, que sería o mesmo lugar do Sepulcro, pero levouse para o Chan do Deserto. Para significar a importancia que ten este feito na vida do cristián. En fronte, como xa dixemos máis arriba, está a menos de medio facer, a capela da Resurrección, porque como escribe San Paulo: se Cristo non resucitara, vana sería a nos fe. (1 Co. 15, 14).

   Como tamén xa indicamos, o sentido do Santuario das Ermitas, acada co Viacrucis, un valor engadido. Porque envolve ó peregrino, mediante os elementos artísticos dos pasos, nun ambiente relixioso, dándolle unha mensaxe teolóxica para que vaia camiñando cara unha maior espiritualidade, partindo da idea da ascensión, que coa axuda da Virxe, vai percorrer toda unha Vía Dolorosa, semellante a de Xerusalén, ata chegar ó Deserto, onde está o Calvario e de alí, irá parar á cúspide da redención: a Resurrección de Cristo. Temos que ter tamén presente neste entorno, que a montaña é un lugar de encontro coa Divindade, e sitio idóneo para comunicarse con Deus. (Lc. 6:12-19)



 
Igrexa da Resurrección sen rematar


(1) Gil Atrio C. España, ¿cuna del viacrucis?. Archivo Iberoamericano, 11. Madrid. 1951. págs. 63-92.
(2) Varios autores. Diccionario de Historia Eclesiástica de España, Madrid. CSIC, 1972. Tomo I. Pág. 618.
(3) Castro Voces, A. El Santuario de las Ermitas, estudio histórico-artístico, económico, socio-religiosos y educativo: 1624-1990. Instituto de Estudios Valdeorrenses. Cuaderno monográfico, 26. 1999.
(4) Vila Jato, D. Santuario das Virxe das Ermitas. Consellería de Cultura. Xunta de Galicia.
(5) A.S.N.S.E. Libro de Descargo y Data...Cuentas. Libro 2º fol. 223.
(6) Contreras, Manuel. Historia del célebre Santuario de Nuestra Señora de las Ermitas.
(6a) Bonet Correa, A. e outros autores. El Santuario de Nuestra Señora de las Ermitas, Consellería de Cultura. Secretaría Xeral. páx. 36
(7) Contreras, Manuel. Historia del célebre Santuario de Nuestra Señora de las Ermitas.
(8) A:S.N.S.E. Libro de Cargo y Data. Cuentas. Libro 2º fol. 223.
(9) A.S.N.S.E. Libro de Cargo y Data...Cuentas. Libro 3º fols. 29, 211,204, 225, 278.
(10) Castro Voces, A. O.C.
(11)  Vila Jato, Dolores. O.C.
(12) Vila Jato, D. O.C. pax. 85.



Xesús Antonio Gulías Lamas.
                                                  Santiago de Compostela, 15 de Outubro de 2011.



 
Via Dolorosa


 
 
 
Monte das Ermitas


 
 XII Estación e Subida ó Deserto

 

XV Estación. A resurrección de Xesús

 
Xesús Antonio Gulías Lamas